PONTEVEDRA> Valoración positiva da primeira fin de semana de Peregrinas en Pontevedra. A capital da provincia celebra estes días as súas festas máis populares. Unhas festas diferentes as de anos anteriores pero onde prima a responsabilidade e o compromiso individual.
Pontevedra puxo en marcha esta fin de semana as festas da Peregrina, unha das celebracións máis importantes da capital da provincia. Este ano, estas festas están marcadas pola crise da Covid. Así e todo, durante a noite do sábado soamente houbo cinco denuncias a persoas que non levaban posta a máscara.
O goberno municipal quixo facer especial fincapé no bo comportamento da xente nova. O Concello agradeceu a responsabilidade que demostraron os mozos e mozas pontevedreses ao non celebrar as tradicionais “peñas”.
As festas na Boa Vila continuarán ao longo de toda a semana con artistas como Eladio y Los Seres Queridos, Broken Peach ou Rosa Cedrón. Ademais, cada día ás 12 da noite haberá tamén unha tirada de fogos sorpresa.