PONTEVEDRA> O comercio electrónico analizarase os días 9 e 10 de outubro en Pontevedra. O Pazo da Cultura acolle a cuarta edición dos Ecommerce Days, unha cita dedicada a este modelo de negocio de compra e venda a través de internet. Este ano a proposta suma un día máis á súa programación e a día de hoxe supera xa os 250 inscritos. Está dirixido a profesionais do sector do comercio.
O presente e o futuro do comercio electrónico analizaranse os días 9 e 10 de outubro en Pontevedra. Será no marco dos Ecommerce Days, unha cita que nesta cuarta edición amplía unha xornada máis a súa programación.
Durante estes dous días, o Pazo da Cultura acollerá coloquios, mesas redondas, entrevistas e obradoiros de carácter práctico. Haberá creadores de contido como Xurxo Carreño e Nuria Grandío ou profesionais e directivos de empresas con experiencias exitosas no mundo dixital, como PcComponentes, Farma2Go, Pilgrim, Cash Converters, Correos Express ou Leroy Merlin.
Estará moi presente o tecido empresarial galego. Así, pasarán polo congreso o Celta de Vigo, Casa Grande de Xacenda, Rei Zentolo, VIKO ou Peperetes.
Ata o momento hai máis de 250 persoas rexistradas para asistir a esta cita.











