Fernández Lores cre que o anuncio de ENCE para As Pontes demostra que hai alternativas a Lourizán

PONTEVEDRA> ENCE anunciaba onte a súa intención de construír unha planta de biocombustibles e papel tisú no concello das Pontes. Unha posibilidade que para o concello de Pontevedra demostra que é posible o traslado da factoría de Lourizán. Para o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, esta sería a mellor opción para garantir o emprego.

Dende o concello de Pontevedra interpretan o anuncio de ENCE de impulsar unha planta de biocombustibles e papel tisú no municipio coruñés das Pontes como unha demostración de que si existe ubicación alternativa para a factoría de Lourizán.

Para o alcalde o atranco para este traslado é a falta de vontade da empresa de abandonar a ría de Pontevedra.

O que non varía, asegura Fernández Lores, é a postura do concello de Pontevedra. O obxectivo segue a ser recuperar a ría.

Dende ENCE xa reaccionaron a estas declaracións do concello de Pontevedra, insistindo en que non existe outro emprazamento en Galicia para a factoría que ten en Lourizán. A empresa matiza que a futura planta de biomateriais das Pontes sería complementaria á pontevedresa, cun proxecto totalmente diferente: non se produciría celulosa, senón fibras naturais recicladas a partir de cartón e papel recuperados. Tamén apuntan que a planta do municipio coruñés tería dimensións e consumos moi inferiores aos da factoría da ría de Pontevedra.