PONTEVEDRA> As obras do Gran Montecelo, en Pontevedra, avanzan a bo ritmo. Así o comprobou hoxe sobre o terreo unha visita organizada pola Xunta de Galicia aos traballos da ampliación do hospital. Un acto que o presidente Alfonso Rueda aproveitou para anunciar que se investirán 8,8 millóns de euros en equipamentoe que se realizarán visitas guiadas para profesionais sanitarios e colectivos sociais a partires do mes de xullo.
Case catorce meses despois destas imaxes as obras do Gran Montecelo avanzan a bo ritmo.
Trátase da primeira fase do proxecto de construción, dotada con 130 millóns de euros. O presidente da Xunta aproveitou a visita para facer un anuncio: investiranse 8,8 millóns de euros en equipamento electromédico.
Alfonso Rueda tamén anunciou que se organizarán visitas para que profesionais sanitarios e colectivos sociais poidan coñecer as obras do Gran Montecelo.
O alcalde de Pontevedra tamén participou nesta visita ás obras da ampliación do hospital. O papel do concello foi posto como exemplo de colaboración institucional coa Xunta para levar adiante este ambicioso proxecto.
Outra novidade que se deu a coñecer hoxe é que o Gran Montecelo contará cun aparcadoiro público en superficie na parte traseira do hospital. Será un espazo exterior, aínda que cunha parte cuberta, que complementará o xa anunciado aparcadoiro soterrado de pago. Aínda se descoñece cal será o modelo de xestión polo que optará a Xunta para este servizo.