NOIA> O secretario Xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete, foi o encargado de clausurar, xunto co alcalde, Santiago Freire, a primeira das xornadas incluídas no Campus do Emprendemento e do Saber organizado pola Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia en colaboración co concello de Noia e as tres universidades galegas.
O primeiro dos temas a tratar versou sobre deporte e saúde mental, baixo a dirección de Joaquín Dosil, profesor da Universidade de Vigo e especialista en Psicoloxía do Deporte.
Nas xornadas, que viñeron desenvolvéndose na localidade dende o pasado mércores cunha alta participación de máis de vinte asistentes, abordáronse diversos aspectos como a importancia de crear hábitos de saúde mental a través do deporte ou da importancia desta no trato que o adestrador debe ter cos seus deportistas.
As xornadas terán continuidade nos vindeiros meses ata setembro, con diferentes temáticas que van dende a neurociencia á ciberseguridade, tocando tamén a importancia do marisqueo na vila ou o legado xacobeo a través da ruta Portus Apostoli.