A ABE sorteará 4 bicicletas e 2000 euros na campaña de verán ‘Quincenas Fantásticas’

BOIRO> A Asociación Boirense de Empresarios repartirá 2000 euros en vales de compra e 4 bicicletas durante a campaña de verán ‘Quincenas fantásticas’. Realizarase por quincenas entre o 1 de xullo e o 31 de agosto.

Ademais de promover o consumo local, a Asociación Boirense de Empresarios fai este verán unha clara aposta pola mobilidade sostible. De aí, o sorteo de catro bicicletas, unha por quincena xunto ós vales de compra que sumarán un total de 2000 euros.

O método para participar é moi sinxelo. Os clientes tan só teñen que rexistrar a súa compra subindo unha foto do ticket á web abe.gal e entrarán automaticamente no sorteo da quincena correspondente.

Os vales de compra poderán gastarse en calquera establecemento adherido á ABE co consecuente retorno para a economía local.

O concello colabora tamén na dinamización do comercio con unha serie de iniciativas como a instalación de alumeado durante todo o verán na principal rúa comercial do municipio.