O Constitucional admite a trámite o recurso contra a sentenza do Supremo que avala a prórroga de ENCE

PONTEVEDRA> O Tribunal Constitucional acepta a trámite o recurso de amparo do concello de Pontevedra contra a prórroga concedida a ENCE ata o ano 2073. O goberno local recibiu hoxe mesmo a provindencia do alto tribunal, que se pronuncia case dous anos despois da presentación do recurso. Para o executivo pontevedrés, esta decisión do Tribunal Constitucional confirma a postura do concello: o procedemento contra ENCE segue aberto.

O procedemento do concello de Pontevedra contra ENCE segue aberto. É a conclusión do goberno local despois de que hoxe recibiran a decisión do Tribunal Constitucional de aceptar a trámite o recurso de amparo presentado no 2023 contra a sentenza que avala a prórroga concedida á pasteira.

O concello presentara todas estas alegacións contra a prórroga da concesión. No 2021, a Audiencia Nacional decidía anulala estimando tan só unha delas e sen analizar as restantes. Despois, no 2023 o Tribunal Supremo votaba atrás esa sentenza sen estudar todas as alegacións. No seu recurso ante o Constitucional, o goberno pontevedrés alegou que esta situación provocoulles indefensión ao non respectar o Supremo os dereitos fundamentais á tutela xudicial efectiva.

Neste novo episodio, o goberno local ve tres opcións. Dúas delas parten dun escenario no que o Constitucional declara nula a sentenza do Supremo. A raíz disto podería decidir ou revogar automaticamente a prórroga ou retrotraer o procedemento á Audiencia Nacional para que analice todas as alegacións presentadas polo concello nun primeiro momento. A terceira vía, no caso de que a sentenza sexa desfavorable, será recorrer ao Tribunal de Xustiza Europeo.

Tras coñecer esta decisión do Constitucional, ENCE asegura que a admisión a trámite do recurso de amparo só implica que se tramitará o recurso para valorar se se vulneraron os dereitos fundamentais. Polo tanto, dende a pasteira defenden que a prórroga non está en discusión.