Milleiros de persoas pasan polo mosteiro de San Bieito para encomendarse ao ‘Santo máis milagreiro’

PONTEVEDRA> O ‘Santo máis milagreiro’ recuperou este ano a súa romaría. Hoxe, 11 de xullo, Pontevedra celebra as festas na honra de San Bieito de Lérez cun programa que recorda aos tempos prepandemia. Milleiros de persoas achegáronse ata o recinto do mosteiro para facer as súas ofrendas ao santo. Tamén para recoller o aceite bendito que, segundo conta a tradición, soluciona todo tipo de problemas de pel.

A mestura de fe, tradición e un toque de festa volveu hoxe á axenda dos pontevedreses. É 11 de xullo, festivo local e día de San Bieito de Lérez. Este ano recuperouse a romaría tras dous de parón pola pandemia.

Dende ben cedo o recinto do mosteiro de Lérez foi un bulir de fieis. Moitos chegan atraídos pola fama de San Bieito como ‘O Santo máis milagreiro’.

Segundo a tradición, non hai nada máis efectivo para os problemas da pel que o seu aceite bendito. O que mudou coa covid foi o sistema de recollida: agora xa se entrega directamente en pequenas botellas.

Escoitar misa ou pasar por debaixo do altar son outros dos obxectivos cos que os romeiros chegan ata o mosteiro, para conseguir que o santo cumpra as súas peticións.

E coma en toda romaría que se prece, na de San Bieito de Lérez non faltaron tampouco a música e a gastronomía. A cara menos relixiosa da festa seguiu xa na contorna da praia fluvial, co reparto de mexillóns, o xantar popular e varias actuacións musicais durante todo o día.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí