Puentes presenta a súa candidatura ás primarias do PSOE apuntando á alcaldía de Pontevedra

PONTEVEDRA> Tamén no Partido Socialista van preparando as súas filas de cara ás eleccións municipais do 2023. En Pontevedra, o concelleiro Iván Puentes oficializou a súa candidatura ás primarias da formación. Cita na que se elixirá quen será o candidato do PSOE á alcaldía da capital. Mudar as cousas e non resignarse, serán dúas das claves do seu proxecto.

Na praza do Teucro, en pleno corazón de Pontevedra, e rodeado de caras coñecidas do socialismo pontevedrés. Así oficializaba o concelleiro Iván Puentes a súa candidatura ás primarias do PSOE na cidade.

Para o actual edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural a clave é non conformarse. Puentes defende que o Partido Socialista ten que afrontar as vindeiras eleccións municipais confiando nas súas posibilidades de facerse coa alcaldía.

Unha cidade cun modelo amable, verde e que se abra ao río, que pense no emprego e que sirva para todos, é a proposta que, asegurou Puentes, defenderá no seu proxecto.

Deste xeito, Puentes oficializou o seu paso adiante como candidato a alcaldable socialista en Pontevedra nos comicios municipais do 2023. Salvo sorpresa, está previsto que a estas primarias se presente tamén o actual voceiro municipal do PSOE na cidade, Tino Fernández.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí