Barbanza sairá a rúa este xoves en defensa da sanidade pública

RIBEIRA> A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza agarda un respaldo sen precedentes á mobilización convocada para este vindeiro xoves, ás oito e media da tarde, en Ribeira, baixo o lema ‘Salvemos a sanidade Pública!’.

A marcha partirá dende o centro de saúde para finalizar na praza do Concello. Con ela pretenden facer unha chamada de atención, e que a Xunta, dunha vez por todas, garanta unha atención primaria digna, con profesionais suficientes que permita un bo servizo ós pacientes.

Dende a Plataforma opóñense tamén ó continuo desmantelamento ó que, segundo sinalan, a Xunta está a castigar esta comarca, poñendo como exemplo o que acontece en Palmeira, Taragoña ou Cabo de Cruz, entre outros. Tamén piden melloras na atención hospitalaria que se dá no Hospital da Barbanza.

Ó longo das últimas semanas, a Plataforma tamén veu realizando unha recollida de sinaturas que agardan poder facerllas chegar ó conselleiro de Sanidade para que se dean solución a todas estas reclamacións.

O BNG tamén mostrou o seu apoio a esta causa, chamando á veciñanza a mobilizarse e sumarse a esta convocatoria na defensa da sanidade pública.

Os nacionalistas mostraron a súa preocupación sobre a situación que padece a atención primaria cuxa situación actual exemplifica, segundo eles, as consecuencias de trece anos de recortes e privatizacións do Goberno do Partido Popular, con consultorios médicos pechados e baixas e vacantes de facultativos que non se cobren.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí