O Concello paraliza as obras da depuradora de mariscos no porto de Castiñeiras

RIBEIRA> A medida foi adoptada despois de que os técnicos municipais comprobaran que a actuación carecía da correspondente licenza municipal.

As queixas realizadas por un bo número de veciños de Castiñeiras non caeron esta vez en saco roto e o Concello veuse obrigado a intervir, paralizando as obras de construción da planta depuradora de mariscos que pretende levantarse nas inmediacións do peirao desta parroquia, a carón das chabolas dos mariñeiros. Ó parecer a actuación carecía da correspondente licenza municipal. un feito que dende a oposición cualifican de grave irregularidade.

Dende as filas nacionalistas pregúntanse tamén cales son as responsabilidades de Portos de Galicia nesta actuación, por non velar polo cumprimento da legalidade.

O BNG anunciou que seguirá a traballar para tratar de aclarar as posibles responsabilidades do alcalde neste asunto, como máximo responsable de Urbanismo.