RIANXO> Rianxo converteuse no porto de partida da Ruta Xacobea Mar de Arousa e Ulla na súa trixésimo sexta edición. Máis de 500 persoas participaron na conmemoración da traslatio dos restos do apóstolo que deu orixe ó Camiño de Santiago.
A conmemoración da traslatio dos restos do apóstolo Santiago por mar comezou este ano cun acto institucional no auditorio de Rianxo. Alí o presidente da fundación puxo en valor esta ruta, orixe de tódolos camiños xacobeos, que alberga auténticas xoias patrimoniais, naturais e históricas.
Ademais dos representantes dos concellos, no acto participaron as responsables autonómicas de Portos e Turismo. A intención da Xunta é poñer en valor a ruta da traslatio a través da identificación e acondicionamento dos distintos portos que a integran.
Tralo acto institucional, unha trintena de embarcacións partiu do porto de Rianxo. Trala travesía marítima, medio cento de peregrinos arribaron a Padrón onde se celebrou tamén un acto conmemorativo na zona do Pedrón.