Rianxo acollerá dous obradoiros de emprego dos seis concedidos ó Barbanza

RIANXO> O delegado territorial da Xunta na Coruña participou na presentación do novo obradoiro de emprego dirixido á mocidade que se desenvolverá en Rianxo. En total, serán seis as iniciativas formadoras que se desenvolvan na comarca do Barbanza. O Barbanza contará este ano con seis obradoiros de emprego, catro de carácter dual e dous de garantía xuvenil. Para mozos desempregados menores de trinta anos. Precisamente un deles celebrarase en Rianxo, onde o delegado territorial da Xunta visitou esta mañá as zonas nas que van actuar os alumnos dos dous talleres con que contará o municipio. Muros e Carnota compartirán tamén outro taller, ó igual que Noia e Lousame, mentres que Ribeira e Porto do Son repetirán colaboración nunha nova edición do Tahume. Pola súa banda, Boiro desenvolverá o outro dos obradoiros de Garantía Xuvenil. Máis dun cento de alumnos beneficiaranse destes seis obradoiros, que ó tempo que lle outorgan unha certificación profesional, contribúen a mellorar os espazos e instalacións públicas dos distintos concellos. A  principal novidade é que os participantes nos obradoiros duais poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.