A Policía investiga o incendio dun coche cun home encerrado no maleteiro

PONTEVEDRA> Pontevedra amencía hoxe cun estrano suceso. Ao redor das 7.15 da mañá un particular alertaba ao 112 dun incendio nun vehículo estacionado na avenida de Santa Ana, en Estribela. No seu interior había un home que segundo as testemuñas estaba practicamente espido e no interior do maleteiro do coche. Aínda que saíu polo seu propio pé, sufriu queimaduras en varios puntos do corpo. A Policía Nacional xa investiga os feitos.

Eran as 7 e cuarto da mañá cando un veciño alertaba aos servizos de emerxencias. Na avenida de Santa Ana, en Estribela, estaba a arder un vehículo estacionado na zona. A sorpresa foi que no interior do coche, en concreto do maleteiro, había un home encerrado. Afortunadamente, conseguiu saír polo seu propio pé a través dos asentos traseiros.

O home estaba practicamente espido e foron os veciños os que lle prestaron os primeiros auxilios e lle deron roupa para que se protexera do frío de primeira hora da mañá. Segundo declarou a presunta vítima á Policía Nacional, alguén o introducirá á forza no interior do maleteiro para despois prenderlle lume.

O home tivo que se trasladado ao Hospital Montecelo polas queimaduras, aínda que despois foi preciso levalo ata a unidade de queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

O coche, pola súa banda, quedou completamente calcinado.

Agora a policía xudicial da Policía Nacional de Pontevedra investiga este suceso no que, polo de momento, mantén todas as hipóteses abertas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí