PONTEVEDRA> Hai máis gripe pero menos ingresos. É o balance que fan dende a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sobre a situación actual de reponte de infeccións respiratorias. Aínda que si que se detectou un pequeno incremento de pacientes tanto en urxencias como nas consultas, a área continúa no nivel 1 do Plan Inverno activado polo Sergas. Dende a Consellería de Sanidade fan un chamamento á cidadanía a vacinarse. De feito, o venres e o sábado realizarase unha convocatoria extraordinaria dirixida a nenos de 6 meses a 11 anos.
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés resiste, polo de momento, ao incremento de infeccións respiratorias que se está a dar en toda Galicia. De feito, mantense no nivel 1 do Plan Inverno posto en marcha dende mediados de novembro polo Sergas.
En Galicia, dende comezou a campaña de gripe notificáronse máis de 1.050 ingresos hospitalarios. Hoxe dende o centro de saúde da Parda, en Pontevedra, o conselleiro de Sanidade destacaba a importancia da Atención Primaria.
Dende a consellería fan tamén un chamamento á cidadanía para que se vacine. A día de hoxe hai 720.000 galegos que xa foron inoculados.
Actualmente, a cobertura varía moito nas diferentes franxas de idade. Supérase o 80% nos maiores de 80 anos e o 67 % nos que teñen máis de 65. Tamén se vacinou a preto do 60 % do persoal sanitario e a case o 47 % de nenos e nenas ata os 11 anos. Para mellorar a cobertura dos cativos, os días 5 e 6 realizarase unha convocatoria extraordinaria dirixida a nenos de entre 6 meses e 11 anos.
O conselleiro fixo estas declaracións na súa visita ao centro de saúde da Parda, no que se actuou recentemente para rematar coas filtracións da cuberta. A obra supuxo un investimento de 95.000 euros.











