O pregón de Pitusa Cabanillas dá comezo a unha Festa do Albariño de dez días

CAMBADOS> Despois de dous anos de paro, Cambados volve gozar da súa Festa do Albariño. Pitusa Cabanillas, neta do poeta cambadés Ramón Cabanillas, foi a encargada do pregón que marcou o inicio da edición número setenta dunha das citas máis populares da contorna. Nun ano, ademais, no que estrea fórmula. Hoxe comezan concertos, actividades e foodtrucks, pero haberá que agardar á semana que vén para vivir outra das estampas máis típicas da festa: probar os viños dos stands das adegas no Paseo da Calzada.

Pitusa Cabanillas foi a encargada do pregón que deu por inaugurada a Festa do Albariño deste 2022. Un discurso no que repasou os inicios da que hoxe en día é unha das citas máis populares de toda Galicia, recordando tamén ao seu avó, o poeta cambadés Ramón Cabanillas.

Despois de dous anos de parón pola pandemia, a Festa do Albariño volve por todo o alto para celebrar nin máis nin menos que a súa septuaxésima edición. Faino, ademais, cunha nova fórmula. Hoxe comezou unha intensa programación de concertos e actividades.

Pero haberá que agardar ata o vindeiro mércores para vivir outra das estampas da Festa do Albariño: as casetas que as adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas instalan cada ano no Paseo da Calzada para que os visitantes poidan probar os seus viños.

Unha aposta para prolongar ata os dez días a Festa do Albariño de Cambados. Xornadas nas que se agarda que a afluenza de visitantes sexa continua.

Esta noite ás 22.30 arrancarán os grandes concertos con Nicky Jam na Praza de Fefiñáns. Unha das actuacións máis agardadas da programación desta edición número 70 da Festa do Albariño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí