PONTEVEDRA> Protesta da plataforma SOS Sanidade Pública contra a situación na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Hoxe concentráronse ante as portas do servizo de Urxencias do Hospital Montecelo para denunciar a falta de sanitarios e a sobrecarga que sofren os que están traballando. Unha situación que repercute directamente na atención aos pacientes: segundo a plataforma, os propios profesionais confesan que están a cometer máis erros nos diagnósticos.
A plataforma SOS Sanidade Pública saíu esta mañá á rúa para volver denunciar a situación na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Na contorna do Hospital Montecelo manifestáronse contra a privatización e reclamaron máis investimetos.
Esta falta de persoal sanitario provoca unha importante sobrecarga de traballo, que remata por repercutir directamente nos pacientes. Dende a plataforma apuntan que xa hai profesionais que recoñecen erros nos diagnósticos por esta presión.
O colectivo critica non só a xestión da xerencia da área sanitaria. Tamén da Consellería de Sanidade, que apunta á falta xeralizada de médicos como causa desta situación.
Os datos son preocupantes. Segundo Loureiro, no centro de saúde Virxe Peregrina só hai oito médicos dun cadro de 17. Ademais, opóñense a anuncios como o de Sanxenxo, que prometeu vivendas aos facultativos que traballaran na vila durante o verán.
Dende a plataforma teñen solicitada unha reunión co presidente da Xunta, Alfonso Rueda. A petición foi rexistrada o 8 de xullo pero lamentan que aínda non tiveran resposta.