Os traballadores de fábrica de ENCE asumen ‘unha guerra sen cuartel’ e amplían o calendario de folga

PONTEVEDRA> Os traballadores da fábrica de ENCE en Lourizán, en Pontevedra, non queren dar un paso atrás. Comisións Obreiras, sindicato maioritario no comité, acusa á dirección da empresa de romper os compromisos adquiridos e de enganar ao persoal, á comarca e mesmo á Xunta de Galicia. Recordemos que a pasteira puxo sobre a mesa a súa intención de prescindir de 39 postos de traballo. Dende Comisións Obreiras aseguran que non serán cómplices deste recorte e manteñen o calendario de folga.

O sindicato Comisións Obreiras insiste: ENCE enganou aos traballadores da fábrica de Lourizán ao comprometer investimentos se conseguía a permanencia na ría de Pontevedra para facerse co apoio do persoal no longo proceso xudicial.

Por iso, a intención do sindicato maioritario no comité da factoría é non dar un paso atrás ante o anuncio de ENCE de realizar 39 despedimentos na fábrica. A eles hai que sumar, segundo Comisións Obreiras, de 6 a 8 en oficinas de Pontevedra e entre 3 e 5 en oficinas de Madrid e Navia.

ENCE xustifica estes despedimentos nas perdas de 22 millóns de euros que, asegura, acumulou en catro trimestres. Segundo Comisións Obreiras, a empresa declarou beneficios de 40 millóns o ano anterior e presume de ter aforros de ata 200 millóns de euros.

Nesta situación reclaman tamén a intervención da Xunta de Galicia e do Partido Popular. Ademais, acusan á empresa de intentar romper a unidade do persoal pero os traballadores manterán o calendario de folgas con novas xornadas: a vindeira será o 21 de novembro.

Pola súa banda, dende ENCE recordan que acumulan catro trimestres de perdas e que toman a decisión de amortizar postos de traballo porque teñen previstos investimentos para automatizar tarefas. Ademais, cifran en 220 millóns de euros o investimento realizado en Lourizán entre 2015 e 2025.