Investigado un veciño de Outes por estafar no concesionario no que traballaba

DODRO> A Garda Civil investigou a un veciño de Outes por un presunto delito de estafa. Segundo informaron fontes do Instituto Armado o investigado, que traballaba nun taller de compra-venda en Dodro, aumentaba o prezo de venda dos vehículos, quedándose coa diferenza.

A denuncia do propietario do establecemento, radicado en Dodro, dedicado á compra venda de vehículos de ocasión, foi o que propiciou o inicio dunha investigación por parte da garda Civil de Padrón. Ó parecer recibira a queixa dun cliente, que dicía que o prezo de venda do vehículo que acababa de mercar, non se correspondía coa cantidade pactada.

As pescudas realizadas polos axentes confirmaron as sospeitas do dono do concesionario contra o seu traballador que, supostamente, aumentaba o prezo de venda dos vehículos ós clientes sen o seu consentimento, quedándose coa diferenza.

No transcurso da investigación, puido determinarse tamén que este mesmo empregado, nos talleres de despece onde realizaba tamén as vendas de coches dos clientes, devolvíalles unha cantidade menor á abonada por estes negocios, quedándose con esa parte.

O investigado, veciño de Outes, está acusado dun delito de estafa continuada, que o propietario do concesionario valora inicialmente nuns cen mil euros, á espera de revisar o resto de vendas que se levaron a cabo no taller durante o período que levaba contratado na empresa.  Tódalas dilixencias realizadas foron postas a disposición xudicial no Xulgado de Garda de Padrón, que é quen instrúe esta causa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí