O BNG insta á Xunta a asumir o vial que une a autovía do Barbanza co AP-9 en Caldas

RIANXO> A solicitude formulada agora polo BNG non é unha petición nova. Trátase dunha reclamación de vello, que xa realizaron en máis dunha ocasión diversas asociacións empresarias e concellos do Barbanza. Mesmo as dúas Deputacións, a da Coruña e a de Pontevedra, téñenlle reclamado tamén a Xunta que asuma as competencias da estrada EP-8001, que une a autovía do Barbanza, a través da ponte de Catoira, coa AP-9, en Caldas, para convertela nunha vía de alta capacidade.

Os nacionalistas entenden que esta estrada constitúe a saída natural dende o Barbanza cara á provincia de Pontevedra, e polo tanto soporta un elevado tráfico diario, moito del pesado, conformando un eixe vertebrador entre as dúas comarcas.

Segundo Rosana Pérez Fernández a Xunta xa incumpriu o acordo subscrito coa Deputación de Pontevedra no ano 2010 para facerse coa titularidade desta estrada, que tamén aparecía incluída  no coñecido Plan Move 2009-2015.

A transferencia desta estrada a Xunta permitiría acometer tamén unha mellora significativa deste vial no que se producen un alto índice de sinistros, algúns deles mortais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí