A POBRA> O concello da Pobra rescindiu o contrato coa empresa adxudicataria das obras do pavillón de Venecia. Unha vez resolto, o executivo volverá licitar o o proxecto para retomar a reforma que leva paralizada dende principios de 2020.
O concello da Pobra e a empresa ‘Construcciones Alea’, adxudicataria da reforma do polideportivo de Venecia, chegaron por fin a un acordo para a rescisión do contrato. Tralo pago dunha indemnización de cinco mil euros, a empresa renunciou á execución dos traballos que permanecían paralizados dende hai preto de dous anos.
O inicio do procedemento remóntase a 2017, cando a empresa resultou adxudicataria tras realizar unha baixa do orzamento inicial que partía de 314 mil ata os 231 mil. Malia que iniciaron as obras a finais de 2018 pronto comezaron os problemas ante a imposibilidade de executar o proxecto cun presuposto tan baixo. A intención do concello foi sempre que a empresa rematase a obra polo que mesmo se realizou un modificado do proxecto ascendendo o importe final a 340 mil euros.
Nin así foron quen de asumir a obra polo que o executivo acabou finalmente por rescindir o contrato. Agora volverá sacalo a licitación aínda que está en estudo se o fai pola vía de urxencia ou emerxencia.
Unha vez avaliado se o informe de emerxencia é preceptivo ou ben se procede pola vía de urxencia, iniciarase un novo expediente de licitación.