Os comercios cambadeses analizan a súa situación para deseñar a súa desescalada

CAMBADOS> O comercio de Cambados afronta con ilusión a reapertura dos seus negocios. Dende a asociación Zona Centro explican que a crise provocada polo coronavirus afondou nuns problemas que o pequeno comercio vén arrastrando dende hai varios anos. Agora afrontan a desescalada buscando as opcións que sexan máis rendibles para a súa volta á actividade.

Así resume Juan Rey, presidente de Cambados Zona Centro, o impacto da pandemia do coronavirus no comercio da localidade. Asegura que os establecementos recibiron con ilusión o Plan de Desescalada do goberno. Agora estudan as opcións que lles sexan máis viables.

A maioría vive con recelo estes días previos a retomar a actividade, aínda que sexa de xeito gradual. Dende Zona Centro agardan que o executivo de Pedro Sánchez avance pouco a pouco nas novas directrices de cada fase.

A asociación leva dende o inicio da crise mantendo reunións telemáticas semanais co goberno local. Xuntos buscaron medidas que axuden a impulsar a actividade, como o reforzo da limpeza.

Agora o comercio cambadés quere coller pulo para a súa reapertura coa campaña do Día da Nai. Este ano estará volcada en internet: os nenos e nenas terán que felicitar as súas nais do xeito que escollan e subilo despois ás redes sociais de Cambados Zona Centro. Os gañadores recibirán vales por valor de 225 euros para consumir no comercio local.