RIBEIRA> Sen dúbida un dos actos centrais das festas de verán de Ribeira foi a misa na honra da Virxe do Carme e a posterior procesión polas distintas rúas da cidade, e que se desenvolveu o pasado sábado pola tarde.
Á cerimonia relixiosa asistiu un importante número de persoas, entre as que estaban autoridades do Concello.
A misa na honra da patroa dos mariñeiros tivo lugar, como é habitual, nas dependencias da lonxa da localidade, cun aforo maior que o propio templo.
Unha vez rematado o acto relixioso e a ofrenda no mar, comezou unha procesión que percorreu o peirao e posteriormente distintas rúas do casco urbano e que foi seguida por un gran número de persoas.
O sábado pola noite a música colleu o testemuño, cos concertos de Moito!, Xisco Feijoo e o concerto tributo ós Rolling Stones.
E onte domingo, xa último día dos festexos, o máis destacado foi o festival de música e danza tradicional na praza da Porta do Sol, e a verbena a cargo da orquestra París de Noia, sen esquecer tampouco a espectacular queima de fogos de artificio piromusicais que tivo lugar no paseo do Touro, co que se poñía o broche ós festexos deste ano.