Medio cento de peregrinos percorren o Camiño para visibilizar a discapacidade intelectual

PONTEVEDRA> Medio cento de usuarios de Special Olympics Galicia están a percorrer o Camiño Portugués. Unha iniciativa coa que se busca visibilizar o movemento asociativo da discapacidade intelectual. Hoxe partiron na súa terceira xornada de peregrinaxe dende Pontevedra.

O Camiño de Santiago non entende de fronteiras. Tampouco para a inclusión social. Medio cento de usuarios de Special Olympics Galicia, unha asociación de pais, profesionais e amigos de persoas con discapacidade intelectual, está a facer o percorrido cara Compostela.

Hoxe partiron dende Pontevedra, na súa terceira xornada de peregrinaxe. Na Praza do Concello sumáronse á comitiva varios axentes da Policía Nacional, para acompañalos en parte do percorrido.

Special Olympics está a organizar esta actividade en diferentes rutas xacobeas. Son en total 473 peregrinos chegados dende diferentes puntos do Estado. O grupo que percorre o Camiño Portugués está composto por usuarios ourensáns, de Gandía e de Torrent.

Unha actividade coa que a asociación busca visibilizar o movemento asociativo da discapacidade intelectual, ao tempo que viven a experiencia que supón facer o Camiño.

Cada Ano Santo dende 1993 Special Olympics organiza esta peregrinaxe. A deste ano rematará o domingo 3 de xullo. Unha xornada na que se reunirán todos os peregrinos que percorreron as diferentes rutas xacobeas para completar a última etapa entre o Monte do Gozo e a Alameda de Santiago.