Ano 1 do Villa de Pitanxo: da negativa das autoridades de baixar ao buque á unión das familias ata conseguilo

PONTEVEDRA/MARÍN>  Hoxe faise un ano da traxedia do Villa de Pitanxo. O afundimento da embarcación deixou 21 vítimas mortais e tres sobreviventes. Tamén un ano é o que levan as familias das vítimas agardando a que se baixe ao pecio afundido na procura de información. Unha petición que foi denegada en varias ocasións polo goberno de España pero que, segundo defenden as familias, podería botar luz sobre o acontecido naquela madruga en augas do Canada. Este primeiro aniversario chega días despois de que o executivo central mudase por fin a súa postura e aceptase busca-los medios para poder baixar ao buque.

15 de febreiro de 2022. Aquel día afundía o Villa de Pitanxo, un pesqueiro do grupo Nores con base en Marín. Aconteceu de madrugada, en augas de Terranova, no Canadá, cunha situación meteorolóxica moi adversa.

Eses foron os únicos sobreviventes que deixou a traxedia: o capitán do buque, o seu sobriño e o mariñeiro ganés Samuel Kwesi. Os outros 21 tripulantes faleceron, xerando unha gran conmoción na ría de Pontevedra e en toda Galicia. A Xunta declaraba axiña tres días de loito oficial.

Nos días seguintes ao naufraxio as mostras de pesar non deixaban de sucederse. Houbo minutos de silencio no Congreso dos Deputados, na sede do goberno galego en Santiago e en moitos concellos das Rías Baixas. Case a metade dos tripulantes eran de nacionalidade peruana. Vivían en Bueu, Moraña e Cangas, pero tamén había un veciño de Pontevedra e outro de Cambados.  Nesta vila houbo unha concentración na que participaron moitos compatriotas peruanos, que esixían á armadora información do que estaba sucedendo no Canadá.

Esa foi, precisamente a primeira das reivindicacións de tódalas familias: saber que estaba pasando en Terranova e tamén que a armadora non ocultase información. Comezaba así unha exemplar unión de tódolos familiares.

Estas declaracións de María José do Pazo tiveron lugar no funeral que se celebrou no templo novo de Marín, un mes despois da traxedia, onde puideron reunirse con Filipe VI. Ela, filla dun dos tripulantes falecidos, converteríase na voz das 21 familias. Sempre unidas, pedindo o mesmo: coñece-la verdade.

Pero as cousas non foron doadas para as familias, en especial polas trabas do goberno de España para baixar ao pecio afundido. Os familiares tiveron que facerlle fronte a un ano interminable, con concentracións e reunións de todo tipo, sempre co mesmo obxectivo.

Unha petición que, un ano despois, aínda non está resolta. A presión das familias, que mesmo chegaron a trasladarlle as súas inquedanzas ao Papa Francisco, levou ao goberno de España a ceder, tamén polas presións da xustiza española ou do Parlamento Europeo. O pasado día 3 de febreiro, case un ano despois, publicábase o anuncio da licitación para baixar á embarcación. Unha inspección que pode ser clave para investiga-lo accidente, do que se encarga a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos. Pola vía xudicial, é finalmente a  Audiencia Nacional a que leva o caso, que terá que determinar se houbo neglixencia no afundimento do barco. A iso apunta a versión do mariñeiro Samuel Kwesi, que contradí á do patrón do pesqueiro Juan Padín, que permanece imputado, e o seu sobriño Eduardo Rial.

Un ano despois, e aínda con nove corpos desaparecidos, as familias confían aínda en coñecer toda a verdade, para ‘facer xustiza’ e evitar que unha traxedia como a que golpeu as súas vidas volva suceder.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí