O Barbanza beneficiarase das axudas estatais para zonas afectadas polos incendios

BOIRO> O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, valorou de xeito moi positivo o anuncio do Goberno Central de incluír á comarca do Barbanza dentro da declaración de zona afectada gravemente polos incendios. Unha circunstancia que permitirá, segundo el, que os veciños que resultaron afectados polo lume poidan acceder ás axudas.

Ademais das axudas directas, o decreto do goberno recolle tamén bonificacións fiscais como a exención do pago do Imposto sobre bens inmobles ou a redución sobre o de actividades económicas. Tamén as corporacións locais poderán recibir axudas de ata o 50 por cento nos proxectos para reparar infraestruturas ou equipamentos municipais danados polo lume.

Non serán as únicas axudas para os afectados no Barbanza posto que nunha recente reunión cos alcaldes da Mancomunidade, o Conselleiro de Medio Rural anunciou a creación dunha liña de subvencións.

O titular autonómico comprometeuse tamén a crear unha comisión de planificación do territorio con tódolos axentes implicados para artellar medidas que eviten ou minimicen a magnitude dos lumes forestais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí