Preto de 300 mesas de particulares e hostaleiros confirman as ganas que ten Pontevedra de Feira Franca

PONTEVEDRA> A Feira Franca volve este 2022 para despedir o verán en Pontevedra. Os días 2 e 3 de setembro a cidade viaxará no tempo cara a Idade Media. Tras dous anos de ausencia, nótase que hai ganas. Compróbase, por exemplo, no número de mesas que se instalarán polas rúas para as comidas e ceas do sábado: xa hai 183 peticións privadas e 116 de locais de hostalería.

A Idade Media comeza a reclamar o seu espazo no centro histórico de Pontevedra. A cidade prepárase para unha das súas festas máis aclamadas: a Feira Franca.

Será os días 2 e 3 de setembro. O venres un grupo de pregoeiros a cabalo encargaranse de que todo o mundo coñeza o inicio da festa. Xa ás 10 da noite, a Praza da Ferrería acollerá o espectáculo inaugural.

O río Lérez será o protagonista tanto deste espectáculo como desta vixésimo primeira edición da Feira Franca. De feito, a cultura mariñeira terá un peso especial.

Durante todo o sábado, a zona vella e a súa contorna viaxarán ata a Idade Media. Haberá espectáculos, actividades, obradoiros e ata 92 postos de alimentación e artesanía repartidos polos mercados. Este ano tampouco fallarán as mesas de particulares e hostalería para levar a festa á rúa: hai 185 peticións privadas e 116 de locais de hostalería.

Este ano volverá recrearse o tradicional transporte do viño e a praza de touros acollerá o torneo medieval con dous pases: ás 17.30 e ás 20.00. Ademais, á avenida Raíña Vitoria trasladarase o Castelo Medieval que antes ocupaba a praza do Concello. Na súa contorna haberá actividades e obradoiros durante toda a xornada.