PONTEVEDRA> O centro de Pontevedra foi hoxe o escenario dun importante dispositivo de Garda Civil, Policía Nacional e Policía Local da cidade. O que comezou como un operativo contra os roubos con violencia en Ourense, rematou sendo tamén unha operación contra o tráfico de drogas na cidade pontevedresa. Xa hai nove detidos en Ourense, Pontevedra e Barcelona.
As rúas Joaquín Costa e Cruz Gallástegui, en Pontevedra, foron escenarios hoxe dunha operación conxunta da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Local da cidade.
O operativo iniciouse en Ourense contra os roubos con violencia. A Garda Civil ourensá puxo en marcha un dispositivo que tiña tamén obxectivos en Pontevedra. Cando iniciaron os rexistros na cidade do Lérez, localizaron droga no interior dun dos domicilios, polo que deron aviso á Policía Nacional. Segundo trascendeu, os dous veciños pontevedreses que estaban a ser investigados no marco da operación da Garda Civil de Ourense contra os roubos con violencia, tamén estaban baixo o foco da Udyco de Pontevedra por tráfico de drogas.
A operación, que ten tamén ramificacións na cidade de Barcelona, está baixo secreto de sumario. Hai nove persoas detidas, dúas delas en Pontevedra.