A toxina non pode coa Festa da Ameixa de Campelo

POIO> A ameixa foi a gran protagonista esta fin de semana en Campelo, no Concello de Poio. A localidade acolleu a trixésimo cuarta edición da súa Festa da Ameixa. Un evento que volveu trala pandemia e no que houbo moita incertidume ata última hora, pola toxina. A organización tivo que traballar contra o reloxo para poder recoller uns 500 quilos de produto. Un esforzo recompensado coa visita de centos de persoas.

Había ganas en Campelo de volver proba-las ameixas. A Festa regresou á localidade poiense logo do parón da pandemia. Na carpa da praza da Granxa déronse cita nesta fin de semana centos e centos de persoas, desexosas de gozar dun dos sabores máis característicos da ría de Pontevedra.

Con todo, esta trixésimo cuarta edición da Festa da Ameixa veu marcada pola incertidume. A presenza de toxina na ría obrigou aos mariscadores a traballar contra o reloxo. Con parte da ría aínda pechada, en apenas unhas horas foron quen de recoller os 500 quilos de protudo que puxeron na mesa.

E a resposta do público foi inmellorable. Por Campelo pasaron entre o venres e o domingo centos de persoas, que puideron gozar dos distintos pratos a prezos xeitosos.

O evento, como sempre, serviu tamén de homenaxe ós traballadores do mar. En concreto, ás mariscadoras e mariscadores xubilados entre o 2019 e 2021. Algunhas delas contábanos que nesta zona o oficio vaise transmitindo de xeración en xeración.

E como non tamén a parte festiva. Entre eles, o músico local Nelson Quinteiro.

Vides Novas ou a Orquestra Los Players foron outros dos convidados a unha festa que, de novo, volve deixar moi bo sabor de boca no Concello de Poio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí