POIO> A Casa de Combarro, antiga sede do Ateneo Corredoira, converterase nun centro de información turística. Despois da Semana Santa comezarán as obras de rehabilitación integral para adaptar o espazo a este novo uso. Estarán financiadas pola Deputación de Pontevedra, que reali zará un investimento de 240.000 euros.
Despois da Semana Santa comezarán as obras de rehabilitación da Casa de Combarro, no concello de Poio. O histórico inmoble, antiga sede do Ateneo Corredoira, converterase nun centro de información turística.
A actuación estará financiada pola Deputación de Pontevedra. A administración destinará 240.000 euros: 140.000 servirán para a demolición da cuberta actual e a execución dunha nova, a limpeza da fachada de pedra e a substitución das carpinterías exteriores de madeira, entre outras intervencións. Os 100.000 restantes mobilizaranse a través do Servizo de Turismo para a musealización do inmoble.
Tralo seu inicio, as obras terán un período de execución de seis meses. Recordemos que a Deputación ten cedida a titularidade desta Casa de Combarro ao concello de Poio.
A renovación da instalación eléctrica e iluminación con tecnoloxía LED, a reforma do aseo do baixo e unha nova instalación de fontanería e saneamento, son outras das intervencións que se realizarán no marco destas obras.