As mariscadoras de Cabo rebélanse contra a presenza de rañeiros nas súas zonas de traballo

BOIRO> As mariscadoras de a pé de Cabo de Cruz concentráronse este mediodía ás portas da delegación de Mar en Ribeira. Denuncian que o colectivo de a flote invade as súas autorizacións sen que a Xunta tome medidas para evitar o conflito.

Máxima tensión a que se vive no seo da confraría de Cabo de Cruz. As mariscadoras de a pé volven denunciar que os rañeiros invaden as súas concesións en terra. Na xornada de hoxe , tras constatar que estaban a faenar nas praias de Xián e mesmo en Mañóns que permanece vedada, decidiron plantarse. En lugar de baixar á praia concentráronse ás portas de delegación de Mar en Ribeira esixindo á administración que tome cartas no asunto.

A presidenta do colectivo foi recibida polo delegado da Consellería do Mar quen lle confirmou que o servizo de gardacostas xa se atopaba na zona levantando as correspondentes actas de denuncia. Ademais da sanción económica non se lles autorizará a venda do marisco extraído hoxe.

Trátase dun conflito que vén de vello, aínda que nos últimos anos tornouse máis graves. As mariscadoras denuncian que na campaña de verán foi constante a presenza das embarcacións nos areais. Ademais de invadir as súas autorizacións din que teñen que soportar insultos machistas.

As mariscadoras quedaron emprazadas para un próximo encontro con responsables da Consellería do Mar para trarsladalles a situación que están a vivir na confraría.