O coronavirus dispara o paro, sobre todo no sector servizos

SALNÉS/BARBANZA> Xa coñecemos os datos do paro de abril. Unhas cifras agardadas pero non por iso menos duras. En Galicia o desemprego disparouse en máis de 17.000 persoas nun mercado laboral fortemente golpeado pola crise sanitaria do coronavirus. O impacto tamén se notou en Arousa. No Salnés, máis de 600 persoas perderon o seu posto de traballo; no Barbanza, foron máis de 400. O sector máis castigado, o servizos.

Abril segue a tendencia do mes de marzo no mercado laboral. O COVID-19 golpea con forza o tecido económico e deixa tras de si un importante incremento de parados. O Salnés acada xa os 9.528 desempregados, con 643 máis que en marzo. O concello máis prexudicado é o de Vilagarcía, seguido do de Sanxenxo. Na comarca nótase con especial forza o peso do sector servizos na economía; o máis castigado pola crise do coronavirus: máis de 6.600 desempregados proceden deste sector.

Na comarca de Caldas súmanse xa 2.809 parados, 349 máis que en marzo. Aquí o concello caldense é o máis prexudicado, seguido de Valga. Xa no Barbanza, pasaron ao paro 432 veciños máis, acadando os 4.062. Ribeira encabeza este ranking, seguido de Boiro. Unha vez máis, o sector servizos é o máis golpeado, sumando 2800 parados.

O peche de negocios e a paralización das empresas e da actividade económica pola crise do coronavirus tamén impactou con forza nos autónomos. En Galicia, 1.629 pecharon os seus negocios, uns 150 deles en Arousa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí