RIBEIRA> O lume rexistrábase a primeira hora da tarde de onte nun inmoble situado na rúa Linares Rivas, en pleno centro da cidade. Non houbo que lamentar danos persoais nin foi necesario tampouco o desaloxo dos veciños residentes en vivendas anexas.
O lume orixinábase ó redor das cinco menos cuarto da tarde. Unha chamada ó 112 alertou dun incendio nun edificio abandonado de tres plantas situado na rúa Linares Rivas. Ata o lugar desprazáronse os servizos de emerxencias, tanto do parque de bombeiros de Boiro coma do de Ribeira, e tamén Policía Nacional e Local, que procederon á extinción das lapas e evitar que o lume se propagara a outras vivendas veciñas.
Non houbo que lamentar danos persoais. Ó parecer o edificio atópase abandonado, aínda que o seu uso é frecuente por parte de persoas sen fogar.
A Policía Nacional xa abriu unha investigación para tratar de esclarecer todo o acontecido. Dáse a circunstancia de que esta mesma vivenda hai uns meses sufriu un incendio semellante.