O patriarca do Vao pide perdón e di que aplicará o seu propio castigo aos agresores

POIO> O patriarca do poboado do Vao pide perdón polos actos violentos contra a policía local de Poio da semana pasada.  Defende a inocencia das 10 persoas detidas o pasado venres e pide a súa posta en liberdade. Ademais, prometen investigar o ocorrido e depurar responsabilidades ó seu xeito, cun castigo peor que o da xustiza.

A través das redes sociais, os líderes do Vao amosan o seu arrepentimento ante os actos violentos contra a policía Local de Poio, rexistrados a semana pasada. Pídenlle perdón e desculpas polo ocorrido ó alcalde, ó xefe da policía local e ós axentes feridos, pero non á Garda Civil. Na gravación, o pastor evanxélico fala en nome de todo o poboado, insistindo no seu arrepentimento ante os golpes propinados ós axentes.

O pastor e o patriarca do poboado do Vao aproveitan para defenda-la inocencia das dez persoas detidas o pasado venres. Piden a súa posta en liberdade. Aseguran que os agora arrestados non atacaron a ninguén.

Din que serán eles mesmos os encargados de busca-los culpables dos actos violentos. Explican que será a propia lei xitana a que se encargue de investiga-lo ocorrido. Advirten de  que o seu castigo será máis duro que o da xustiza.

A gravación remata cunha petición ó Concello de Poio, á Policía Local e ós servizos sociais. Demandan ser respectados como cidadáns, persoas e españois e que non se metan nas axudas que reciben os residentes do poboado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí