Pontevedra afianza a súa candidatura a Capital da Gastronomía cunha segunda Festa das Cunchas

PONTEVEDRA> Pontevedra afianza a súa candidatura a ser Capital Española da Gastronomía e faino volvendo poñer sobre a mesa unha das súas principais cartas. Dende hoxe e ata o 9 de outubro celébrase a segunda edición da Festa das Cunchas, un evento no que os mariscos son os protagonistas. Repiten a ruta de tapas e a Batalla das Cunchas pero hai dúas novidades: un mercado de degustación na Praza do Concello e un circuíto de orientación con premio.

Pontevedra xa celebra a segunda edición da súa Festa das Cunchas. Unha cita coa que busca afianzar a súa candidatura como Capital Española da Gastronomía.

Esta festa gastronómica que ten o marisco como protagonista comezou hoxe coa primeira proposta. Trátase do roteiro de tapas por unha vintena de locais da cidade. Ata o 9 de outubro ofrecerán aos clientes as súas elaboracións.

A vindeira semana concentrará o resto de actividades. O día 6 celebrarase un dos actos centrais, a Batalla das Cunchas. Un concurso no que varios conciñeiros profesionais da cidade competirán coas súas elaboracións. Ademais, do 6 ao 9 instalarase unha carpa na Praza do Concello que acollerá o Mercado das Cunchas, unha das novidades desta edición.

Outra das novidades é un circuíto de orientación pola cidade. Serán catro roteiros polo centro, a Zona Monumental, o río e o Camiño Portugués nos que os participantes terán que resolver preguntas para completar o reto.

En canto ao Loureiro de Ouro, na súa segunda edición o premio recae na escola de hostalería Carlos Oroza de Pontevedra. Toma así o relevo do primeiro premiado, o barrio da Moureira.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí