Felipe VI inaugura no Grove a cuarta edición do Foro La Toja-Vínculo Atlántico

O GROVE> A cuarta edición do Foro La Toja-Vínculo Atlántico xa está en marcha. Dende hoxe e ata o sábado a Illa da Toxa, no Grove, será o escenario de conferencias, diálogos e mesas redondas sobre cuestións de actualidade, como a seguridade enerxética en Europa, a globalización ou a invasión rusa de Ucraína. Como xa pasou nas edicións anteriores, o rei Felipe VI foi o encargado de abrir a cita.

Persoeiros de primeira liña do mundo da política, das finanzas ou da empresa pasarán estes días pola Illa da Toxa. O Grove acolle a cuarta edición do Foro La Toja-Vínculo Atlántico, cita que foi inaugurada esta tarde polo monarca Felipe VI.

Dende a tribuna, o rei falou de política internacional. Reivindicou a OTAN e que a Unión Europea asuma máis reponsabilidades de defensa, no escenario xerado pola invasión rusa de Ucraína. De feito, este ano o premio do foro foi concedido ao pobo ucraíno.

Antes de Felipe VI interviron Amancio López Seijas, presidente de Hotusa e promotor do evento, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Dende hoxe mesmo ata o sábado pasarán polo escenario o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, Mauricio Macri, expresidente da Arxentina, Felipe González e Mariano Rajoy, expresidente do goberno de España, Soraya Sáenz de Santamaría, conselleira de Estado, o vicepresidente da Comisión Europea Josep Borrell ou os presidentes autonómicos Alfonso Rueda, Juanma Moreno, María Chivite e Ximo Puig. Está previsto que o presidente do goberno Pedro Sánchez interveña na clausura.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí