Máis de 125.000 persoas pasaron polas actividades da Bienal de Arte de Pontevedra no seu regreso

PONTEVEDRA> A recuperación da Bienal de Arte de Pontevedra foi un éxito rotundo. Así a cualifican dende a Deputación pontevedresa. Esta mañá, o goberno provincial realizou balance do impacto do regreso desta cita cultural. 125.000 espectadores pasaron polas diferentes propostas dunha programación que se prolongou 102 días. Uns datos que reafirman á administración provincial na súa aposta por manter esta cita. Haberá Bienal 2027.

125.000 persoas pasaron polas diferentes propostas do regreso da Bienal de Arte de Pontevedra. A programación prolongouse durante 102 días en 13 espazos da cidade pontevedresa.

Para o goberno provincial, a recuperación da Bienal despois de 15 anos de ausencia supuxo unha explosión artística na provincia. Non en van, participaron 105 artistas de 28 nacionalidades diferentes baixo a proposta ‘Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais’.

Dende a Deputación tamén se presentaron hoxe os datos do estudo que se encargou para coñecer a opinión dos pontevedreses sobre a recuperación da Bienal. Das 400 persoas enquisadas, o 85% apoia a celebración dunha nova edición.

Ante esta boa acollida, o goberno provincial xa pensa na Bienal de 2027. De feito, en novembro informarase sobre o concurso público que convocará a Deputación para escoller aos comisarios da vindeira edición.