OUTES> O pleno de Outes aprobou unha declaración institucional a favor dun modelo eólico alternativo que minimice o impacto ambiental sobre as comunidades afectadas. Demandan un plan adaptado á realidade actual que estableza unha maior distancia dos parques eólicos ós núcleos de poboación.
Unanimidade na corporación outense fronte ó modelo eólico que está a promover a Xunta de Galicia. O pleno aprobou unha declaración institucional instando á paralización de varios parques eólicos que se atopan en tramitación e que suporían un grande impacto en numerosos concellos, entre eles Outes e outros municipios limítrofes.
Ante esta inquedanza veciñal, dende o concello de Outes demanda un plan eólico adaptado á realidade actual que amplíe a distancia destas instalacións ós núcleos habitados. Consideran ademais necesario incrementar a compensación económica que reciben tanto ás comunidades como ós concellos afectados.
Insisten dende a corporación na súa defensa da transición ecolóxica cara un modelo sostible pero sempre que se faga de xeito ordenado e tendo en conta os intereses das comunidades rurais.