PORTO DO SON> Agosto é o mes por excelencia das festas gastronómicas. Esta fin de semana tocoulle a quenda á festa de exaltación do polbo.
{flowplayer}barbanza/festapolbo.flv{/flowplayer}
As once da mañá xa se comezaron a formar as primeiras ringleiras de xente na explanada portuaria sonense con ganas de degustar o coñecido polbo de Porto do Son, malia que a venda de bonos non comezaba ata o mediodía.
Pero é que non é para menos, xa que se por algo é coñecido o concello de Porto do Son é por ser terra do bo polbo e mellores polbeiros. Así quedou demostrado nesta decimosexta edición da festa de exaltación deste cefalópodo, a que os asistentes puntuaron con sobresaínte.
Dúas toneladas de polbo foron as que se cociñaron acompañadas, este ano, de mil quilos de mexillóns. Ao filo das tres da tarde, xa pouco quedaba. Os comensais deron boa conta das racions. O éxito da festa, xa consolidada no calendario gastronómico estival, levará aos seus organizadores a buscar a declaración de interese turístico.
Mostra didáctica
Paralelamente á celebración da festa do polbo, a nave das redeiras do peirao sonense acolleu a segunda mostra didáctica da Industria Pesqueira. A Consellería do Mar, Rosa Quintana, acompañada de autoridades locais, comarcais e autonómicas, foi a encargada de inaugurala.
A titular do Mar salientou a necesidade de avanzar na diversificación das actividades pesqueiras, complementándoas coas actividades culturais relacionadas co mar.
Na mostra, organizada polas Amas de Casa, a asociación de Redeiras e de Torneado artesanal de Porto do Son, e o Museo Etnográfico podese contemplar un secadeiro tradicional de polbo, distintas artes e aparellos de pesca e demostracións do traballo diario das redeiras e os torneiros da madeira.
Redacción Barbanza