PONTEVEDRA> Xa hai data para a celebración en Pontevedra do pleno extraordinario solicitado polo Partido Popular para abordar cuestións de seguridade cidadá. Será o vindeiro luns, 23 de xuño, ás 10 da mañá. Para os populares, trátase dunha sesión necesaria para tratar a inseguridade que, aseguran, hai nas rúas da cidade. Dende o PSOE cren que a única intención da formación é xerar alarma. Pola súa banda, o BNG insiste en que Pontevedra é segura.
O vindeiro luns 23 de xuño ás 10 da mañá, BNG, Partido Popular e Partido Socialista sentarán no salón de plenos para abordar a situación da seguridade cidadá en Pontevedra. Será no marco dun pleno extraordinario solicitado polos populares trala pelexa da praza de Barcelos.
A visión do goberno do BNG é diferente. Hoxe o alcalde aseguraba que se escoitarán todos os plantexamentos que saian no pleno pero insistía en que Pontevedra é segura.
Pola súa banda, os socialistas acusaron os populares de buscar o medo irracional entre a veciñanza. Pontevedra é segura, din, pero matizan que hai puntos nos que se dan problemas de convivencia.
No pleno extraordinario o PP proporá a creación dun Consello Local de Seguridade no que participen os tres partidos, forzas de seguridade e veciños. Pola súa banda, na sesión ordinaria o PSOE plantexará a creación dunha Comisión de Convivencia Cidadá para abordar os problemas da cidade. Dúas fórmulas que, segundo Puentes, son diferentes tanto na forma como nos obxectivos que perseguen.
Puentes apuntou tamén que a proposta do Partido Popular carece de entidade xurídica e formal no concello. Non así a dos socialistas que, segundo dixo, tería amparo no Regulamento Orgánico do Pleno.











