A campaña #PrimAcoso de Pontevedra inspirou a Cristina Fallarás na visibilización da violencia sexual

PONTEVEDRA> A campaña de 2016 en redes sociais do concello de Pontevedra #PrimAcoso foi a precursora do traballo que realiza a xornalista Cristina Fallarás. Así o asegurou ela mesma, na visita que hoxe realizou á cidade para manter unha conversa con Carme Fouces, exconcelleira de Igualdade. Fallarás recolle testemuñas de violencia machista que mulleres anónimas lle trasladan a través da súa conta de Instagram. Precisamente, unha destas mensaxes rematou coa dimisión do político de Sumar Íñigo Errejón. Xunto a Fouces, falaron sobre espazos seguros de denuncia de violencia sexual.

No 2016, a concellería de Igualdade do concello de Pontevedra, encabezada pola nacionalista Carme Fouces, lanzaba en redes unha campaña para dar visibilidade ao acoso e á violencia machista entre a rapazada. Nacía o cancelo #PrimAcoso, que agora a xornalista Cristina Fallarás sinala como precursor do seu propio traballo.

Fallarás recolle no seu perfil de Instagram testemuños sobre acosos e violencias machistas de mulleres anónimas. Algunhas destas mensaxes provocaron o escándalo que rematou coa dimisión do político de Sumar Íñigo Errejón. Hoxe a xornalista sentou en Pontevedra para falar con Fouces sobre espazos seguros de denuncia de violencia sexual.

Precisamente, un espazo seguro de denuncia é o que busca ofrecer Cristina Fallarás a través do seu perfil de Instagram, creando unha memoria colectiva da violencia sexual.

Fallarás recompilou algunhas destas testemuñas no libro ‘No publiques mi nombre’. Todos os beneficios destinaranse a unha asociación sen ánimo de lucro que traballa na divulgación e no apoio ás mulleres que relatan as súas experiencias no eido da violencia machista.