O BNG afronta o 23X co obxectivo de conseguir un ‘grupo forte’ no Congreso

PONTEVEDRA> Tamén o BNG presentou hoxe en Pontevedra a súa candidatura pola provincia para as eleccións xerais. Os nacionalistas presentan unha lista con moitas caras novas e encabezada pola concelleira pontevedresa Carme da Silva. O obxectivo da formación é conseguir ter grupo propio e forte no Congreso dos deputados para, aseguran, poñer a axenda galega no centro do debate.

O BNG vai a por todas nas eleccións xerais do vindeiro 23 de xullo.

Para poñer a axenda galega no centro do debate, asegurou Pontón, é necesario que o BNG conte cun grupo propio no Congreso. E deste xeito dar un novo pulo ao traballo realizado na última lexislatura polo nacionalista Néstor Rego.

Hoxe a voceira nacional do BNG participou na presentación das candidaturas do BNG para o Congreso dos Deputados e o Senado pola provincia de Pontevedra. No caso da cámara baixa, a lista está encabezada pola concelleira pontevedresa Carme da Silva.

Ter un transporte ferroviario de proximidade, rexenerar as rías e espazos de litoral, rematar a circunvalación de Pontevedra ou realizar unha transición enerxética xusta son, segundo da Silva, outras cuestións nas que o peso do BNG no Congreso sería clave.

Pontón tamén asegurou que os votos do BNG servirán para evitar un goberno do Estado entre a dereita e a ultradereita.