Os migrantes que acolle Sanxenxo fórmanse en Dorrón

SANXENXO> O grupo de migrantes que dende hai dúas semanas acolle Sanxenxo fórmase na cultural de Dorrón. Os mozos están a aprender castelán, un pouco de galego e tamén a coñecer mellor o noso país. O obxectivo é fomentar a súa inclusión na nosa sociedade e, polo que vimos esta mañá, estase a conseguir. Todos eles amósanse moi interesados en aprender e, polo que nos contan, con moitísimas ganas de poder comezar a traballar.

Dende hai dúas semanas Sanxenxo acolle a estes 70 migrantes. Son todos mozos de Malí, que chegaron a España liscando da guerra que desangra o seu país. Son solicitantes de asilo e, na maioría dos casos, deixaron alá ao resto da súa familia.

Todos eles reciben formación agora en Dorrón, co obxectivo de integralos na sociedade e preparalos para poder optar a un posto de traballo. A formación corre a cargo da ONG Accem en colaboración co concello que cede as instalacións.

E para iso, estes días están a aprender castelán e tamén un pouco de galego. Ademais participan en obradoiros de contextualización para coñecer mellor o noso país e, así, favorecer a súa inclusión.

Unha experiencia que vai aínda máis alá, con distintos obradoiros útiles para o seu futuro aquí.

E todo isto para que poidan atopar un traballo. Algo que tamén para Galicia é unha oportunidade porque sirve para fixar poboación e cubrir vacantes de sectores con alta demanda.

Esta é a segunda experiencia na que Accem e o Concello de Sanxenxo colaboran, logo da chegada o ano pasado do primeiro grupo de migrantes ao municipio. Dende o goberno local comprométense, ademais, a ceder distintos espazos municipais para que poidan facer deporte, ao tempo que programará en coordinación coa ONG actividades de intercambio de experiencias en centros educativos e asociacións.