A AECC recorda que ‘O Rosa é Máis que unha Cor’ no Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama

PONTEVEDRA> Hoxe, Día Internacional de Loita contra o Cancro de Mama, a Asociación Española Contra o Cancro saíu á rúa en Pontevedra para poñer o foco sobre o impacto desta enfermidade na paciente e na súa contorna. A pesares de que a supervivencia está xa nun 85%, baixo o lema ‘O Rosa é Máis que unha Cor’ a entidade advirte de que queda aínda moito que facer.

Mercedes é voluntaria da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra. Ela coñece en primeira persoa como é recibir un diagnóstico de cancro de mama.

Conta que o proceso foi duro e longo. Operación primeiro e quimio e radio despois para manter a raia a enfermidade. Pero a súa é unha mensaxe de esperanza.

Hoxe, a supervivencia para os diagnosticados con esta enfermidade acada xa o 85%, aínda que que cae ata o 25% nos casos de cancro de mama metastásico. Queda moito que facer, como recordan dende a asociación polo Día Internacional de Loita contra o Cancro de Mama coa campaña ‘O Rosa é Máis que unha Cor’.

Na asociación traballan directamente con pacientes e familiares. Saben de primeira man que o cancro de mama presenta desigualdades en investigación, pero tamén sociais e emocionais.

Durante o 2021, na provincia de Pontevedra a Asociación Española contra o Cancro realizou case 1.800 intervencións a pacientes e familiares. A entidade recorda que os servizos que ofrecen son gratuítos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí