A Variante de Alba ou apoiar a rehabilitación de Santa Clara son algunhas das demandas que Fernández Lores trasladará a Rueda

PONTEVEDRA> O alcalde de Pontevedra prepara o encontro que manterá o vindeiro 25 de outubro co presidente da Xunta de Galicia. Miguel Anxo Fernández Lores anunciou hoxe as demandas que trasladará a Alfonso Rueda durante a reunión. O rexedor explicou que se trata de peticións case históricas para a cidade, como a Variante de Alba. Tamén pedirá a participación da Xunta para materializar a incorporación de Santa Clara ao Museo de Pontevedra.

Pontevedra xa ten listas as demandas que trasladará ao presidente da Xunta de Galicia. O alcalde está chamado a un encontro con Alfonso Rueda o vindeiro 25 de outubro.
Segundo avanzou o rexedor, no dossier que se remitirá á Xunta hai demandas case históricas para a cidade, como é o caso da Variante de Alba.

Fernández Lores tamén aproveitará a reunión para pedir ao goberno autonómico a súa colaboración para rehabilitar o convento de Santa Clara, que se convertirá no sétimo edificio do Museo de Pontevedra.

O futuro do Hospital Provincial e da Casa do Mar unha vez rematado o Gran Montecelo, a dragaxe do Lérez, a desafectación das parcelas que a Xunta ten na Xunqueira de Alba ou a mellora da seguridade viaria en varias estradas autonómicas son outros dos temas a tratar.

A reunión celebrarase na delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra. A intención do alcalde capitalino é tamén convidar a Alfonso Rueda a realizar unha visita oficial ao concello.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí