PONTEVEDRA> Para a asociación Boa Vida, a campaña especial que desenvolveron no Nadal foi todo un éxito. O colectivo conseguiu recoller 11.500 xoguetes doados pola veciñanza de Pontevedra e da contorna. Deles, finalmente restauraron 8.000 que remataron ben nas vivendas das familias que lles trasladaron as súas necesidades, ou nas tendas que xestiona a asociación. Aquí están á venda a prezos reducidos co obxectivo de recadar fondos para manter as accións que impulsa Boa Vida.
A solidariedade da cidadanía de Pontevedra permitiu á asociación Boa Vida acadar os seus obxectivos para a campaña de Nadal. Recolleron 11.500 xoguetes dos que restauraron 8.000. Un traballo do que se encargaron as persoas da empresa de inserción que o colectivo ten en marcha.
Unha vez reparados estes xoguetes tiveron dous destinos. Ben fogares de persoas que recorreron á asociación, ben as tendas xestionadas por Boa Vida para seguir recadando fondos para as súas actividades.
Xa rematado o Nadal, o colectivo recorda que o traballo continúa e Boa Vida seguirá coas diferentes actividades que teñen en marcha durante todo o ano.
Dende a entidade quixeron agradecer especialmente a colaboración das 38 institucións que serviron de puntos de recollida de xoguetes e ás máis de 300 persoas que os entregaron nas tendas.











