RIBEIRA> Preocupación entre a hostalería e o comercio de Ribeira ante o incremento dos roubos. Nas últimas semanas, varios locais da zona do Malecón recibiron a visita dos ladróns que causaron importantes desperfectos en tendas e bares.
Preocupados pero tamén resignados. Así se senten boa parte dos propietarios de bares e comercios situados na céntrica avenida do Malecón de Ribeira ante a vaga de roubos. A pasada madrugada, os ladróns entraron no Bar La Estación onde se fixeron co efectivo da caixa rexistradora e case toda a recadación da comecartos así como varios décimos de lotaría.
Intentárono tamén sen éxito nesta tenda de efectos navais, onde non lograron romper o cristal a pesar de que o bateron mesmo coas tapas de sumidoiros. Tamén no café O Burato onde fozaron unha fiestra pero non chegaron a acceder ó interior, disuadidos pola alarma e a cámara de vixilancia.
Aínda que nas últimas semanas se incrementaron, no Bar 14 entraron dúas veces na mesma semana, os comerciantes da zona xa están acostumados á visita dos amigos do alleo.
A pesar de que teñen redobrado as medidas de seguridade nos seus locais, non conseguen evitar a presenza dos ladróns.
Piden maior presenza policial aínda que son conscientes de que os medios son limitados polo que apelan a un endurecemento das sancións para os autores dos feitos que na maior parte dos casos son reincidentes.