BARBANZA> A Deputación da Coruña financiará a creación de preto de 600 postos de traballo nos concellos da provincia. Entre os principais beneficiarios do programa PEL-Concellos destacan A Pobra e Rianxo que recibirán as axudas máis cuantiosas.
A Pobra e Rianxo, con 104 mil euros, son dous dos municipios, non só da comarca do Barbanza, senón de toda a provincia que recibirán as axudas máis cuantiosas para a contratación de persoal no marco do programa PEL-Concellos da Deputación da Coruña. A administración provincial habilitou este ano o dobre de fondos que en anteriores convocatorias.
Cun orzamento total de 6 millóns de euros, os 82 concellos de menos de vinte mil habitantes da provincia, poderán contratar persoal para servizos municipais. Ademais da execución de obras, os traballadores poderán prestar servizos de protección de saúde pública así como de conservación, mantemento e vixilancia de centros educativos.
Na comarca do Barbanza crearanse un total de 54 postos de traballo. Noia acometerá a contratación de 11 traballadores cunha axuda próxima ós 100 mil euros, seguido de Lousame que creará 8 novos empregos grazas á subvención de 63 mil euros. Muros e A Pobra contratarán 7 peóns cada un mentres que en Outes e en Rianxo ofertarase seis prazas respectivamente.
Boiro contará con 5 novos traballadores e Porto do Son incorporará a catro persoas á súa plantilla. O importe total das subvencións destinadas á comarca achégase ós 750 mil euros.