BOIRO> A Asociación Española contra o cancro recadou preto de sete mil euros na andaina celebrada este domingo en Boiro. O mal tempo obrigou a acurtar o percorrido que percorreu polas principais rúas do casco urbano.
Nin a forza da borrasca Beatrice foi capaz de frear a solidaridade dos boirenses que fixeron gala da súa implicación na loita contra o cancro celebrada este domingo en Boiro. Aínda que finalmente non asistiron os máis de 1500 inscritos destacou a gran afluencia de camiñantes nunha mañá do máis desapacible.
O mal tempo foi precisamente o causante de que se tivera que reducir o recorrido de cinco quilómetros previsto inicialmente. Os participantes tomaron a saída ás once da mañá dende a praza do concello cara a rúa Principal continuando pola avenida Compostela ata a rúa peonil dende onde entroncaron co Camiño Real.
Ademais dos fondos recadados coas inscricións, dende a entidade destacaron a gran colaboración tamén da hostalería que esgotaron as camisetas conmemorativas así como a venda de diferentes artigos nun posto instalado na praza de Galicia. En total, a recadación achegouse ós sete mil euros que contribuirán a seguir investigando na loita contra o cancro.