O número de positivos por covid na área sanitaria Santiago-Barbanza elévase a 113

BARBANZA> O número de casos activos por covid en toda a área sanitaria Santiago-Barbanza segue en aumento. A día de hoxe xa hai 113 positivos, 22 máis que na xornada de onte. Aínda así, boa parte dos contaxios pertencen ó abrocho detectado en Melide, lonxe da nosa comarca.

O último parte remitido por Sanidade cifra en 113 os casos activos na área sanitaria Santiago-Barbanza. 22 máis que onte. Segue o incremento paulatino no número de positivos que nos leva a datos rexistrados ó inicio da pandemia. Dese total tan só tres pacientes están hospitalizados, dous no Clínico de Santiago e un na Rosaleda. O número de pacientes curados ascende xa a 1.853, sete máis ca onte; e o número de PCR realizadas supera xa as 43 mil.

Respecto ó abrocho detectado esta pasada fin de semana no cámping de San Francisco, en Louro, cabe sinalar que se mantén estable, con dez casos activos. Todos eles con síntomas leves e en situación de illamento domiciliario e baixo seguimento dos equipos sanitarios.

A consecuencia desta situación, o executivo muradán decidiu ademais hoxe suspender tódalas actividades deportivas, educativas, culturais e sociais organizadas ou autorizadas polo Concello. A medida tomada de xeito extraordinario será efectiva ata finais deste mes de agosto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí